Mocidade e Voluntariado organizan coa colaboración da asociación Monteaventura a segunda fase da ruta da Lenda das Cinco Irmás

Aberto o prazo de inscrición para maiores de 16 anos desta actividade gratuíta que afronta un percorrido, ao longo de 40 quilómetros, pola historia de Ponteareas, coñecendo tres dos cinco montes vixiantes do Val do Tea: a Franqueira, San do Medio e Ascensión

A segunda fase da ruta volante desenvolverase entre os días 17 e 18 de setembro, xa que a primeira fíxose no mes de xullo, coa opción de pasar a noite en Taboexa, cunha dificultade media e facendo 20 quilómetros estimados por día. Os participantes levarán comida de seu para afrontar as xornadas. Na camiñada polo Val do Tea poderán visitar restos arqueolóxicos do medievo, o Castelo do Sobroso ou o Ponte das Partidas.

medieval 2ºfase copia

Disque en tempos de loitas e inxustizas, matanzas e pecado, tempos escuros de maldade, cinco irmás decidiron dedicar a súa vida a loitar contra esas calamidades na comarca. Xuntáronse un día debaixo da ponte das Partidas e decidiron marchar en cadansúa dirección para facer o ben. E disque tanto ben fixeron, facendo tornar aos homes da senda do mal, que quixo o ceo que alí onde foran enterradas, creceran sobre os seus corpos cinco montes en sinal de recoñecemento ao seu traballo. E aínda hai máis, porque disque cada un dos cinco montes creceu de maneira que todos eles miraban en dirección á Ponte das Partidas, dando continuidade á promesa que as cinco irmás fixeran un día baixo os seus arcos, vixiándose eternamente e protexéndose entre si.

Os interesados nesta iniciativa de sendeirismo que tenta mostrar a riqueza cultural, botánica e etnográfica dos arredores de Ponteareas teñen ata a data de inicio, o 16 de setembro, para inscribirse ben no Centro Social da rúa Oriente, en horario de 9.30 a 14.00, ou ben no correo electrónico voluntariado@ponteareas.gal, ou no teléfono 687764516.

Mañá, 10 de setembro, o grupo de Voluntariado Municipal Voltea estará na Feira Tradicional dos Remedios na rúa Esperanza cun posto no que informarán sobre esta actividade en concreto e das que veñen desenvolvendo dende o mes de xuño, amais, realizarán tamén xogos lúdicos para poder adquirir coñecementos non só medioambientais senón tamén culturais e patrimoniais do noso Concello.