As Meninas impresionistas enchen as rúas de Ponteareas coas súas vestimentas

 

P1020195_result

O proxecto social, cultural e artístico impulsado pola profesora do Colexio Santiago Apóstol Pilar Gallego, xunto coa colaboración da Concellería de Ensino, une aos Centros Escolares e implica ao alumnado na elaboración de arte floral, con raizame na Vila do Corpus.

A inspiración histórica para as Meninas florais non é outra que María Agustina Sarmiento Luna e Soutomaior, filla de Diego Sarmiento, III Conde de Salvaterra e II Marqués de Sobroso, e da súa muller Juana J. de Isasi. Podería ter pasado inadvertida na historia de non ser inmortalizada polo pintor Velázquez no cadro de Las Meninas, aparecendo como a mociña que lle entrega un búcaro á princesa Margarita de Habsburgo.

Naceu en Madrid en 1641, mais o seu pai tal vez nacese en Canedo, agora un dos barrios de Ponteareas e daquela parroquia de seu, baixo a advocación de San Miguel, no pazo que posuía a familia neste lugar. O pai herdara os estados e títulos de seu irmán García, Virrei de Nueva España (México hoxe en día) e Perú, falecido sen sucesión, que si se sabe de certo que veu ao mundo no desaparecido pazo de Canedo, o ano 1603.

“O proxecto tenta difundir unha parte descoñecida da historia de Ponteareas, así como fomentar o talento creativo dos nenos e nenas, enriquecendo a cultura colectiva conectada á imaxe universal da arte floral representada nos maiales e o Corpus. Amais, promove a solidariedade a través dunha poxa de todas as pezas, excepto unha delas que permanecerá nas instalacións do Concello, na que colabora a Federación de ANPAS dos Centros de Ensino Público do Condado-Paradanta e Louriña (FANPO), cuxa recadación será destinada a fins benéficos e sociais” comenta a Concelleira Cristina Fernández.

Os centros, para a súa realización, levaron a cabo un intenso traballo desde o comezo de ano. O Concello facilitou aos Colexios e Institutos unha silueta modelo dunha Menina en madeira a tamaño natural que decoraron con motivos diferentes cunha técnica artística libre: pintura, collage, tea, papel, metais, plásticos ou materiais de reciclaxe, entre outros.

“A participación dos Centros foi alta, e o entusiasmo de alumnado e profesoreP1020220_results xeralizado ante a posibilidade de poder colaborar coa elaboración dunha creación artística propia que servirá para poder axudar a outras persoas. Novamente a Comunidade Educativa únese ante a proposta dun proxecto interesante”, engade a Concelleira.

Todas as pezas elaboradas están sendo recollidas e expostas publicamente en diferentes espazos: Biblioteca, Concello, Auditorio, Museo, Conservatorio ou, inclusive, nas rúas e prazas de Ponteareas, custodiadas por establecementos comerciais e hostaleiros voluntarios.

Durante a Festa do Corpus do 28 ao 30 de maio poderemos topalas na Praza de Abastos, xunto coa Exposición do Corpus organizada pola Concellería de Cultura.