Maximino Martínez, pai dunha alumna da escola de San Mateo, solicita o apoio da veciñanza

Maximino Martínez é veciño do barrio Chan de San Mateo, Ponteareas, é pai dunha nena de seis anos que neste curso deberá cambiar de centro escolar ao pechar a aula unitaria da escola de San Mateo pertencente ao CRA A Picaraña. Solicita aos veciños e veciñas o seu apoio para a defensa da permanencia da escola de San Mateo.

Novo curso… novo centro escolar

Si, a miña filla ten seis anos e gustaríanos que na aula unitaria ofertasen máis cursos, polo menos primeiro e segundo de primaria. Unha medida que evitaría o peche da escola e que garantiría un número de matrícula amplo cada curso.

A que centro se desprazará?

A un do centro urbano, ao CEIP Ramiro Sabell.

Prefiriría que seguira na escola unitaria?

Si, dende logo porque é unha atención personalizada e está máis preto da casa nunha idade moi temperá. Son menos alumnos e é máis doado coñecelos. Están preto do seu entorno, ten máis amigos e coñecidos e é moito máis cómodo porque se a nai ou eu non podemos ir buscala pode achegarse un veciño ou un familiar. O que está claro é que nunha clase de dez non se aprende o mesmo que nunha clase de vintecinco alumnos e alumnas.

Estaba contento cos servizos que lle prestaba esta aula unitaria?

Sí, a miña muller traballa no pobo e os horarios permitíanlle deixala a primeira hora e recollela máis tarde.

Pero non pensa que deberían ofertar máis servizos para ser máis competitivas e dar máis cobertura ás familias?

Si claro por suposto. Todo o que sexan ventaxas e facilidades para a conciliación laboral e familiar sempre é un aliciente, sobre todo, para os que vivimos no rural lonxe do centro urbano e con moitos menos servizos. Na maioría dos casos traballamos fóra de Ponteareas e das nosas parroquias así que deberían comezar a estudar a oferta de servizos conxuntos e o aumento dalgún curso máis nas aulas unitarias.

Gústalle vivir no rural?

Gústame vivir no rural. Temos unha tranquilidade e moita máis liberdade que nos centros urbanos. Temos terreos nos que os nosos pequenos e pequenas poden xogar e entrar en contacto coa natureza e penso que é máis sana a vida no rural tanto física como psicolóxicamente. Non podemos potenciar só a vida nos centros urbanos porque a vida nas parroquias tamén deben existir.

Teñen o apoio do resto da veciñanza?

En San Mateo temos o apoio da maioría dos veciñose veciñas. De feito xa enviamos á delegación territorial da Xunta o compromiso de nais e pais de escolarizar nesta escola aos seus fillos e fillas no vindeiro curso escolar 2019/2020. Ademais temos o apoio das asociacións veciñais, culturais, comunidade de montes, Fundación Zúñiga… 

Que lle diría á veciñanza para que o vindeiro luns día 27 se trasladen a Santiago de Compostela para concentrarse diante da Xunta de Galicia?

Hoxe é a escola de San Mateo, o ano pasado a de Ganade… temos que tentar que o rural non quede sen servizos. Un dos servizos imprescindible para que o rural siga vivo é a oferta educativa. Unha vez que se permite o peche dunha escola, xa non volve abrir. Mañá pode ser calquera outra escola ou servizo que nos retiren, se non imos todos os do rural e todos os do centro que tamén teñen casas na parroquia, pouco a pouco iremos perdendo calidade de vida nas parroquias. 

E á Xunta de Galicia?

A Consellería ten que darse conta que a Educación como a Sanidade e outros servizos básicos non se poden medir con parámetros numéricos. A natalidade non é algo que sexa estable e siga a mesma liña ascendente ou descendente. Hai outros CRAs que contan con primaria e con iso manteríamos activa a escola máis tempo e con matrícula suficiente ofrecendo calidade de vida aos nenos e nenas do rural.