O Concello celebra o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero coa lectura dun manifesto elaborado por todas as forzas políticas da corporación
O Día Internacional Contra a Violencia de xénero será conmemorado en Ponteareas coa lectura dun manifesto elaborado polo conxunto dos grupos políticos que forman a corporación ponteareá no Centro Social, situado na rúa Oriente nº8, a partir das 12:00 horas.
O acto servirá, asemade, para que varias asociacións solidarias, culturais e de comerciantes da vila e das parroquias poidan ofrecer diversas lecturas relacionadas con esta problemática, ademais de permitir participar a todos os veciños e veciñas que o desexen.
A concellería de Igualdade, xestionada por Verónica Carrera, organiza tamén un obradoiro de micromachismos impartido pola dinamizadora Lucía Veciño Souto a partir das 17 horas na Sala de Usos Múltiples da Biblioteca Municipal.
Os micromachismos enténdense como prácticas de violencia que acontecen na vida cotiá, sutís, difíciles de percibir, pero que reflicten e perpetúan actitudes de desigualdade e inferioridade das mulleres respecto aos homes.