Máis de trescentos apicultores e veciñanza en xeral colaboran erradicando a Vespa Velutina

A concellería de Medio Ambiente, que dirixe o Alcalde Xosé Represas, e a concellería de Medio Rural, que dirixe o concelleiro de Riada Manolo Troncoso, agradecen a colaboración dos máis de trescentos apicultores e veciños e veciñas que colaboran en erradicar as vespas velutinas de Ponteareas.

No último mes o concello de Ponteareas visitou as parroquias para informar á veciñanza dos métodos para combater a invasión de vespa velutina, ofrecendo ademais de trampas con líquido atraínte, formación para actuar axeitadamente. 

Acompañados do apicultor Tomás Rivero e de técnicos o Alcalde concienciou á poboación da importancia de ser todos partícipes para protexer a nosa especie autóctona fronte á invasora. 

Neste días volverase facer outra rolda de visitas para que todo o territorio de Ponteareas quede cuberto e protexido. Fronte á deixadez de función da Xunta, o goberno de Ponteareas adoptou unha atitude activa na loita contra a invasión de Vespa Velutina ofrecendo o apoio do servizo de bombeiros na retirada de niños naqueles lugares que implicaban máis risco, ofrecendo formación e charlas e facilitando trampas e líquidos atraíntes.