Máis de setenta cativas e cativos comezaron un verán de aventuras no Campus Tea e no Verán Rural

Máis de setenta cativas e cativos comezaron onte un mundo de aventuras nos campamentos que a concellería de Educación, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández, ofrece para facilitar a conciliación laboral e familiar en colaboración coa Deputación de Pontevedra.

Sesenta nenas e nenos aprenderán xogando cada mañá nas instalacións do colexio público Nosa Señora dos Remedio e doce o farán no centro cultural de Cristiñade.

O Campus Tea urbano e o Verán Rural son iniciativas da Concellería de Educación que dende hai seis anos supoñen un apoio para as familias durante a tempada estival. En quendas de quince días e subvencionados, os campametos ofrecen tamén a posibilidade de aula matinal.

Baixo a filosofía de espertar a curiosidade, de ampliar o seu coñecemento sobre a súa vila e sobre a súa contorna e de fomentar hábitos de vida saudables e respectuosos co medio ambiente, os campamentos de conciliación promoven actividades lúdicas e didácticas para ofrecer un tempo de lecer de calidade.

Cristina Fernández explica que no desenvolvemento dos mesmos vélase polo cumprimento das normativas hixiénico sanitarias dividindo ademais os grupos á metade e aumentando os monitores que tamén se verán reforzados por persoal propio do Concello e tamén en prácticas.

Engade a concelleira que para garantir a seguranza e a distancia interpersoal úsanse máis espazos individuais para os grupos e quendas para os almorzos. As e os monitores tamén limitan o achegamento físico ao alumnado pero tentando sempre transmitir achegamento e afectividade para que o alumnado se sinta atendido. Traballarase, así mesmo, tendo en conta as carencias de socialización do tempo de confinamento e observando as posibles consecuencias psicolóxicas dese tempo.