Máis de cen nenos e nenas participan no Campus Tea e no Verán Rural

dav

Máis de cen nenos e nenas de Ponteareas desfrutan xa da aventura de aprender xogando no Campus Tea e no Verán Rural.

Para contribuir na mellora da conciliación laboral e familiar, a concellería de Ensino que dirixe Cristina Fernández puxo en marcha, por quinto ano consecutivo, o Campus Tea e o Verán Rural para que todos os cativos e cativas poidan aprender desfrutando nas mañás dos meses de xullo e agosto.

Dende as nove da mañá e ata as dúas da tarde os e as participantes no Campus Tea e no Verán Rural descubrirán recunchos singulares de Ponteareas, achegaránse ao mundo dos sons e da música da man do profesorado do conservatorio municipal, realizarán saídas didácticas, xogarán e mergullaránse nas propostas lúdico educativas dos monitores e educadores.

Repartidos en quendas, o Campus Tea tamén dispón de horario de aula matinal para os e as máis madrugadoras, inicándose as actividades no CEIP Nosa Señora dos Remedios ás 07:30 horas para todos os que o solicitasen.

O Verán Rural tamén abríu as súas portas na parroquia de Xinzo para viaxar na segunda quenda a Prado e Guláns e continuar así con este servizo de conciliación iniciado xa en 2017 nas parroquias que o precisan.

A concelleira de Ensino estivo hoxe dando a benvida ao alumnado do Campus Tea e nos vindeiros días fará o mesmo na parroquia de Xinzo visitando ao alumnado do Verán Rural.