Máis de 50 nenos participaron nas actividades da Ludoteca Municipal durante o mes de agosto

Repostería, talleres de malabares e obradoiros de educación viaria, entre outros contidos, nutriron a programación da ludoteca ponteareá

ludoteca-act-agostoA Ludoteca Municipal do Concello de Ponteareas, dependente da concellería de Benestar Social dirixida por Verónica Carrera, levou a cabo actividades relacionadas con nove áreas temáticas diferentes durante varios días do mes de agosto nas que máis de 50 nenos e nenas, de entre 6 e 15 anos, puideron adquirir capacidades e coñecementos en diferentes eidos.

A Ludoteca Municipal, que representa unha axuda para a conciliación laboral e familiar de moitas persoas na vila, permitiu que estes rapaces e rapazas aprenderan os conceptos básicos sobre repostería, coa elaboración de tortas de diferentes alimentos; coa estética persoal, elaborando máscaras caseiras para o rostro e o cabelo; cos traballos manuais, fabricando diferentes pezas con materiais de refugallo; cos xogos malabares, creando as súas propias bolas e aprendendo a técnica desta práctica; coa seguranza viaria, aprendendo a importancia de respectar as normas de tráfico; coa lectura, grazas á realización de contacontos e de obradoiros de animación; cos xogos de mesa; co medio ambiente, a través de saídas que permitiron que os xoves coñecerán mellor o patrimonio natural e a importancia de coidalo; e co deporte, grazas á práctica de freesbe-basket e de lacrosse.

A ludoteca retomará a súa actividade a partir do vindeiro mes de outubro, cando se abrirá oficialmente unha temporada invernal que durará até o vindeiro mes de xuño de 2016.