
A actividade contou cunha proxección do audiovisual ‘Fontán. O primeiro rostro de Galicia’, unha conferencia e un coloquio explicativo
Ponteareas foi un dos dez concellos de toda a provincia que máis rápido amosou o interese por participar nesta iniciativa da Deputación de Pontevedra
A rapazada de Ponteareas, máis de 400 alumnos e alumnas de todos os institutos da vila, déronse cita no auditorio municipal para coñecer a vida do matemático e xeógrafo Domingo Fontán, impulsor da xeografía moderna en Galicia e autor do Mapa Cartográfico de Galicia, o primeiro no estado realizado con metodoloxía científica e coa tecnoloxía do século XIX.
A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, acompañou á mocidade nesta actividade realizada dentro do ciclo de proxeccións do audiovisual ‘Fontán. O primeiro rostro de Galicia’, que se complementou cunha conferencia e cun coloqui explicativo e que estaba organizado polo departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra. A actividade foi celebrada na vila do Tea por ser Ponteareas un dos dez municipios que máis rápido amosou o seu interese cando se abriu o prazo de solicitudes para participar na iniciativa.
O documental proxectouse durante uns 45 minutos falando de Domingo Fontán, un ilustrado, galego, xeógrafo, matemático, político e empresario coñecido sobre todo por ser o autor do primeiro mapa topográfico científico de Galicia, labor ao que dedicou 17 anos da súa vida.





A peza audiovisual convida a facer un percorrido pola historia e orografía galega, incluíndo entrevistas de especialistas e nocións sinxelas de matemáticas e xeografía, o que a converte nunha ferramenta didáctica atractiva e multidisciplinar. No vídeo explicouse á mocidade que a Carta Xeométrica de Galiza é un mapa físico de Galicia realizado entre 1817 e 1834 e está considerado como o primeiro mapa topográfico e trigonométrico feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas.
Segundo explicaron as persoas conferenciantes, para cartografar Galicia Domingo Fontán aproveitou os avances científicos da época e estableceu unha rede xeodésica, establecendo diversos puntos de medición e realizando neles todo tipo de cálculos astronómicos. Para realizalo tivo que percorrer todo o territorio galego a pé e a cabalo e recolleu a totalidade dos accidentes xeográficos, acadando un nivel de detalle no mapa que non foi superado ata a aparición da cartografía por satélite nos anos 50 do s. XX.
O documental serviu para falar dunha época, o século XIX, esencial no desenvolvemento de Galicia e chea de acontecementos e figuras históricas salientábeis que se relacionan con Domingo Fontán. A temática do coloquio enlazou ademais con temas de actualidade, como o ‘big data’ ou a xeolocalización.
A rapazada tamén puido manipular instrumental para medir distancias e ángulos, similar ao de Fontán, co fin de comparalo co que existe na actualidade, principalmente os teodolitos que utiliza o persoal que traballa en topografía.