Máis de 380.000€ para a mellora da seguridade peoníl na estrada E.P. 4004 en Guláns

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, da conta da aprobación polo pleno da sinatura dun convenio coa Deputación de Pontevedra para a mellora da estrada E.P. 4004 que da acceso ao CEIP Feliciano Barrera de Guláns, á igrexa e ao cemiterio.

Este convenio supón un investimento total de 382.858,96€, o 80% do orzamento, 306.287,17€, será aportado pola Deputación e pola súa parte o concello de Ponteareas investirá 76.571,79€ para as obras desta estrada.

Este proxecto de mellora da mobilidade peoníl, xa redactado pola Deputación, contempla a realización dunha beiravía na marxe esquerda aproveitando os sobreanchos existentes, a definición dos dous carrís e o establecemento de elementos de calmado de tráfico para mellorar a seguridade dos peóns.

No inicio da actuación realízase un paso de peóns sobreelevado e ao final, na zona de equipamentos, establécese unha plataforma única de prioridade peoníl con pavimentos que reducen a velocidade do tráfico.

A maiores todo o treito é dotado dunha correcta iluminación, ollos de gato (reflectantes) e elementos separadores de carril, dando na zona ubicada frente a igrexa e o colexio un tratamento especial con diferentes pavimentos e iluminación que poñen en valor a zona.

Represas explica que na liña dos obxectivos marcados na estratexia europea “Ponteareas, Hábitat Saudable”, con estes proxectos foméntase a mobilidade sostible e priorízase a seguridade das persoas frente ao tráfico.

A Tenente de Alcalde, Chus Garrote engade que “con esta actuación tan necesaria delimítase claramente a circulación do tráfico rodado e peoníl, dispoñendo de zonas de tránsito seguro para os colectivos máis vulnerables, peóns, ciclistas e persoas con mobilidade reducida”.

Esta obra, realizada por iniciativa do goberno municipal, foi presentada polo Alcalde e a Tenente de Alcalde á veciñanza e á directiva da asociación cultural nunha reunión na que os presentes manifestaron a súa satisfacción polo que significa de mellora e de investimento non só para os veciños de Guláns se non tamén para as familias do colexio público que conta con máis de cen alumnos e alumnas desta e doutras parroquias.