Máis de 200 mozos e mozas participarán no Campionato Escolar Provincial de Bádminton

Será no pavillón Álvaro Pino o domingo 28 de maio dende as 09:00 horas ata as 14:00 horas
O Club Bádminton Ponteareas en colaboración co Concello de Ponteareas a Xunta de Galicia e a Agrupación Escolar do Condado (ADECOMPAR)

O mércores 24 de maio tivo lugar a presentación do Campionato Escolar Provincial de Bádminton, que se vai disputar no Pavillón Álvaro Pino de Ponteareas o próximo domingo 28 de Maio, dende as 09:00h ata as 14:00h, organizado polo Club Bádminton Ponteareas en colaboración co Concello de Ponteareas, a Xunta de Galicia e a Agrupación Escolar do Condado (Adecompar).
Ponteareas acolle unha gran proba escolar provincial de bádminton, que reunirá a máis de 200 rapaces e rapazas de diferentes centros educativos de toda a provincia de Pontevedra, englobando a máis de 17 centros educativos.

No acto da presentación, celebrado na casa consistorial á 13:00 h, estiveron presentes Xosé Represas, alcalde de Ponteareas, Benito Márquez, concelleiro de Deportes, Guillermo Reinaldo, coordinador deportivo de Vigo do Deporte Galego, e Víctor Lemos, adestrador do Club Bádminton Ponteareas.

Víctor Lemos, presidente do club, destacou a importancia da competición e da organización do evento para o club, e insistíu “na importancia de apoiar e promocionar o bádminton nas escolas e seguir crecendo ano a ano en logros deportivos. Actualmente o club ten 120 deportistas de diferentes categorías, o que fai que o bádminton se consolide en Ponteareas e arredores”.

Dende o Concello, pola súa parte, tanto o alcalde como o concelleiro de Deportes convidaron a tódolos veciños a achegarse ata o pavillón municipal e asistir a estas importantes xornadas deste deporte.