Luís Valle presenta no ciclo “Venres D_Letras” o seu libro de poemas “Para que eu beba”

O ciclo “Venres D_letras” comezará o novo ano coa presentación do poemario “Para que eu beba”, de Luís Valle. O autor estará o vindeiro venres, día 12, a partir das 20:30 horas, no Salón de Plenos do Concello.

“Para que eu beba” é un libro adicado á memoria do seu pai, falecido recentemente, no que o autor dialoga coa vida e coa morte a través de versos, espindo a súa alma nun berro estarrecedor.

Luís Valle é un poeta e pintor nado na Terra Chá luguesa. Como pintor ten realizado diversas exposicións individuais e a súa obra atópase diseminada por diversos lugares do mundo. Como poeta, malia que os seus tres primeiros traballos foron realizados en castelán, o groso da súa produción foi feita en lingua galega e foi galardoada con premios como o Eusebio Lorenzo Baleirón ou o Premio Lueiro Rey. Amáis, ten participado nunha chea de obras colectivas.

O ciclo “Venres D_letras” foi posto en marcha pola Concellería de Cultura co obxectivo de dar a coñecer algúns dos traballos máis relevantes do panorama literario actual. O vindeiro mes terá continuidade coa presencia de Manrique Fernández, que presentará a obra de teatro infantil “Hermes, aprendiz de mago”.