Licítanse varias obras de pavimentación nas parroquias ponteareás de Xinzo, Prado e Cristiñade, por valor de máis de 127.000 euros

licitación-camiños-xinzoO Concello de Ponteareas saca a licitación pública obras de pavimentación de varios camiños por valor de máis de 127.000 euros. Varios viais das parroquias ponteareás de Xinzo, Prado e Cristiñade serán obxecto de renovación do firme e adecuación dos mesmos, afectando en concreto ao camiño que comunica o barrio do Coto co das Balsadas, en Xinzo, no Souto- Outeiro subida á igrexa, en Prado, e na Porteliña ás Cinco Esquinas, en Cristiñade.

Cun orzamento de máis de 127.000 euros, os traballos a acometer consistirán na construcción e limpeza de cunetas de terra e reposición do firme asfáltico mediante recrecemento, así como a construción de pendentes transversais de bombeo, procedéndose tamén a elevación das cunetas existentes para adaptalas á rasante definitiva da calzada. Estas actuacións teñen como obxecto mellorar as características funcionais, de seguridade e de comodidade dos camiños para a mellor circulación. Para levar a cabo estes traballos contémplase un prazo de execución de catro semanas para interferir o mínimo posible na circulación de persoas e vehículos por estas vías.

O Concello de Ponteareas continúa co plan deseñado de mellora das vías, tanto do rural como no casco urbano, como xa se vén facendo recentemente co asfaltado e apertura de novos viais, como en Arcos, ou asfaltado noutras parroquias como Angoares.