Ledicia Costas estará o día 13 no ciclo “Venres D_letras”

Presentará “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta” no Salón de Plenos, a partir das 20:30 horas

A escritora Ledicia Costas será a protagonista, o día 13, do ciclo “Venres D_letras”, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Ponteareas. Neste ciclo participan escritores e escritoras galegos para presentar na vila as súas novidades editoriais. Ledicia Costas falará da súa última novela, “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta”.

Ledicia Costas é un dos referentes máis sólidos da literatura infantil e xuvenil galega. No seu haber figuran galardóns tan relevantes como o Premio Merlín de Literatura Infantil e o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil pola novela “Escarlatina, a cociñeira defunta”, ou o Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil polo relato que presentará en Ponteareas, “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta”, entre outros moitos.

Nesta obra, Ledicia mestura realidade e ficción para crear unha historia na que Verne visita a cidade de Vigo na procura dunha antiga raza de “mulleres planta”. Na súa procura, Verne atopará a Violeta, a nena protagonista, así como a outros personaxes históricos da época.

A escritora estará acompañada polo director xeral de Xerais, Manuel Bragado, e polo xornalista e escritor Manrique Fernández.

No mes de febreiro, o ciclo terá continuidade coa presenza de Xurxo Chapela, que nos presentará o seu último traballo “Lémbrome”.