Integración social no Mercado Municipal de Ponteareas

día-do-mercado-2O Mercado Municipal de Ponteareas foi testemuña dunha xornada de integración na que os alumnos do centro municipal Asprodico, xunto con nenos e nenas de 4º curso de Educación Primaria do colexio Santiago de Oliveira, participaron nun obradoiro de cociña. O prato escollido foi un pastel de verán, unha comida con base de verduras, fresca e nutritiva, que fixo a ledicia de cativos e maiores e que tamén puideron degustar moitos dos comerciantes da Praza de Abastos e unha boa parte dos seus clientes.

A iniciativa, deseñada dende a propia concellería de Comercio, dirixida por Marisol Valado, permitiu gozar dunha formidable xornada de convivencia entre diversos colectivos. A edil aproveitou para mostrar aos alumnos do centro Asprodico e aos cativos do CEIP Santiago de Oliveira o funcionamento da propia praza, ao mesmo tempo que animou aos comerciantes a explicar a dinámica do seu traballo cotiá.día-do-mercado-1

A actividade enmárcase dentro do programa Día do Mercado, impulsado pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. Unha iniciativa coa que o goberno autonómico convida a diferentes concellos a desenvolver alguna actuación que incremente o atractivo da praza, aumentando a súa visibilidade e fortalecendo os lazos de unión e a fidelización dos usuarios.

A propia Consellería de Traballo facilitou mandís, bolsas de tela, globos e lambonadas que foron repartidos entre os vendedores e os clientes da praza. Tanto os alumnos do centro municipal Asprodico como os nenos e nenas do CEIP Santiago de Oliveira axudaron á concelleira, Marisol Valado, nesta tarefa.