Innovación e tradición fusiónanse no cartel anunciador do Corpus Christi, ano 2014, de Ponteareas.

Q55A5339O alcalde do Concello de Ponteareas, Salvador González Solla, acompañado do concelleiro de Cultura e Turismo, Andrés Sampedro Fernández, presentaron esta mañá no Salón de Sesións da Casa do Concello o cartel anunciador da Festa do Corpus Christi deste ano.

Salvador González Solla destacou a importancia deste cartel que se convirte no emblema anunciador da nosa festa máis representativa, e máis internacional, imaxe que chegará aos cinco continentes, enviándoselles a todas as delegacións de países que comparten con nós ese lazo de unión que é a confección de alfombras; esa representación de arte efémera pola que Ponteareas é coñecida no mundo enteiro e que nos identifica e nos singulariza como unha vila cunha tradición propia que foi digna de ser recoñecida internacionalmente como Festa de Interese Turístico Internacional. A internacionalidade desta festa anima, dálle folgos e obriga ao Concello de Ponteareas a facerse visible e a estar presente en todos os eventos que teñen como centro a tradición alfombreira, tanto dentro coma fóra das nosas fronteiras. Neste sentido, este ano a Vila do Corpus estará presente no V Congreso Internacional de Arte Efémera que terá lugar en Roma entre o 26 e 29 de xuño de 2014.

Pola súa banda, Andrés Sampedro Fernández quixo salientar o novo enfoque do cartel anunciador do Corpus Christi, ano 2014, no que se funde tradición e innovación, no que o colorido e a representación dunha alfombra floral tradicional, tanto polos materiais como polo deseño, intégranse sabiamente  nunha nova visión máis moderna no deseño da imaxe do cartel. Igualmente, apóstase neste elemento promocional pola difusión da importancia da participación das xeracións máis novas na confección de alfombras e que quere reflectir a necesaria transmisión xeracional desta arte floral; aposta decidida do Concello de Ponteareas que creou hai uns anos a Escola de Alfombristas para que todos os nenos e nenas puidesen achegarse ás técnicas, aos materiais e aos deseños florais, tendo en conta que eles serán os continuadores da nosa longa tradición nun futuro próximo