Infancia e Mocidade celebran da man das concellerías de Ensino e Mocidade un pleno extraordinario

A concellería de Ensino, que dirixe Cristina Fernández, aposta unha vez máis pola participación e convoca aos centros escolares ao pleno da Infancia e Mocidade que terá lugar o vindeiro 27 de novembro ás 10:30 horas.

En colaboración coa concelleira de Mocidade que dirixe Verónica Carrera e co obxectivo de formar cidadáns responsables, comprometidos e participativos, traballan nestes días cos centros escolares con alumnado escolarizado nas etapas de primaria e ESO para concretar o grupo que representará os intereses da comunidade educativa converténdose en concelleiros e concelleiras que exporán no salón de plenos dous temas previamente debatidos nas súas aulas.

Do que nese salón de plenos se decida tomarán boa nota os concelleiros e concelleiras do goberno xa que en Ponteareas as opinións e as suxerencias do alumnado son fontes de información das que se nutren as diferentes programacións específicas para mocidade e infancia.

Cristina Fernández convida ás nais e pais a asistir e ser testemuña dos acordos e compromisos que este pleno da infancia e mocidade toma.

“Ponteareas é unha cidade amiga da infancia na que a visión dos máis novos conta. So mediante a participación conseguiremos un futuro máis igualitario, máis comprometido e máis responsable. Que mellor que eles mesmos para falarnos das súas necesidades e expectativas!!!”, explica Fernández Davila. 

Pola súa parte a concelleira de Mocidade salienta que os mozos e mozas de Ponteareas están moi implicados no futuro da súa cidade e así o demostraron no deseño da programación específica na que traballaron de xeito conxunto. “Queremos ter en conta as súas necesidades e puntos de vista para mellorar a nosa vila”.