A II Subida á Picaraña incorpora o Campionato Galego en categoría cadete de carreira de montaña por vez primeira en Galicia

Realizarase o 1 de maio, organizada polo clube de montaña Caminhantes do Condado, en colaboración coa Concellería de Deportes, xestionada por Benito Márquez.

En paralelo ao campionato cadete decorrerá a subida popular para o resto de categorías. “Desde a organización o noso obxectivo, sobre todo é xerar un día de festa e convivencia co deporte aproveitando que o día 1 de maio é o día da romaría da Picaraña, amais de compartir unha actividade deportiva e de montaña entre diferentes xeracións”, explica Cristóbal García. “Gustaríanos que esta carreira tivera un importante afluencia para facela un referente que axude a promocionar Ponteareas, pola súa natureza, e polo seus deportistas”, sinala o edil Benito Márquez.

A hora de inicio da subida popular á Picaraña será ás 10:30 horas, cun percorrido de 4 quilómetros, cun desnivel de 350 metros, mentres que a hora de comezo do Campionato Galego en categoría Cadete será ás 10:45 horas, cunha distancia de 6 quilómetros, cun desnivel de 450 metros. A saída terá lugar na Piscina Municipal e o lugar chegada será a Cruz da Picaraña. Os participantes toparanse cunha sorte de percorrido de terra, asfalto, camiños e sendeiros.

No Campionato Galego en categoría Cadete participarán rapazas e rapaces de 15, 16 e 17 anos. Asemade, na subida popular haberá unha categoría absoluta, júnior, sénior, veterano A e veterano B.