O I Salón de Vodas exemplo de profesionalidade e calidade

A concellería de Comercio do Concello de Ponteareas, que dirixe a socialista Inés Vidal, quere dar os parabéns a todos os participantes no I Salón de Vodas, Bautizos e Comunións celebrado no pavillón municipal Álvaro Pino onte domingo.

A concelleira destaca o alto nivel dos expositores, a grande afluencia de público e a  boa organización do evento facendo que todos os participantes agarden xa por unha nova edición.

Nesta primeira cita co sector dos eventos e celebracións os asistentes puideron atopar asesoramento e información de todo o preciso á hora de organizar unha voda, unha comunión ou un bautizo, entre outros tipos de homenaxes.

Stands de maquillaxe, perruquería, calzados, roupa, personal weeding, animación, música, fotografía e vídeo, estilismo, estética, propostas gastronómicas… nesta primeira edición non faltou detalle. 

Actuacións musicais e de baile e tres desfiles de moda completaron o programa deste primeiro salón de vodas. 

“Debo felicitar aos organizadores e participantes pola súa boa disposición e profesionalidade convertendo a xornada de onte nun éxito e nunha oportunidade única de facer negocio. A pesar de ser a primeira edición todos os stands estaban á altura de calquera grande feira xa asentada sendo exemplo das gañas e do bo traballo que se fai dende o comercio de Ponteareas”.

Inés Vidal explica que grazas a iniciativas como a de onte dase a coñecer todo o potencial de negocio que existe na comarca  e que ofrece ao cliente servizos de calidade e amplitude de oferta a prezos competitivos.