I Festival Internacional de Danzas de Reis

O goberno de Ponteareas porá en valor as tradicionais danzas de Reis que no noso concello siguen moi vivas grazas ao esforzo realizado polos distintos colectivos sociais por recuperar e manter os sinais de identidade da nosa cultura ao longo dos anos. 

Para render homenaxe a esta antiga tradición Ponteareas organiza o I Festival Internacional de Danzas de Reis que terá lugar o vindeiro domingo día 23 a partir das 17 horas. O primeiro festival da península exclusivo para este tipo de danzas que arranca cunha recepción no concello para dar paso a unha ruada polo centro urbano e chegar ao auditorio municipal arredor das 17:30 horas e comezar as actuacións dos cinco grupos que actuarán.

O Rancho de Reis de Guláns, o Rancho de Fozara, o de Santiago de Oliveira, o Rancho de Reis da Feira de Salceda de Caselas e o Rancho Pauliteiros de Miranda (Portugal) ofrecerán ao público unha lección de historia coa recuperación de traxes, músicas, cantares e movementos típicos das datas de nadal nas que a veciñanza ía dunha parroquia a outra  anunciando a chegada do día de Reis.

Ataviados de branco, os homes con gorros de cores adornados con espellos e plumas e as mulleres con sombreiros de palla con flores de cores, os mozos e as mozas visitaban as parroquias veciñas danzando “castañetas, palillos, arquiños e vestir o pao”. Catro danzas ancestrais que o Rancho de Guláns sempre mantivo vivas sen cesar a súa actividade ao longo da historia da parroquia.

Santiago de Oliveira, Fozara e Cortellas (que nesta ocasión non pode participar) tamén quixeron lembrar quen fomos e alentar á sociedade a continuar con este fermoso costume que tanto unía á mocidade e recuperaron estas súas danzas. 

Castañolas, gaitas, bombo e pandeireta servían a esta mocidade para celebrar a chegada dos reis alegrando con cintas de cores as súas vestimentas e instrumentos. 

Os de Oliveira traen ao presente o que os seus maiores lles contan “Eramos xóvenes… o noso grupo conformábanno catro mulleres e catro homes bailando, e unhas gaitas, un bombo e o repinequeo dunha caixa marcaban o ritmo dos nosos bailes. Arcos, castañolas, palillos e cintas, adornaban aqueles vistosos bailes que danzabamos. Eran días grandes, no que a música, a cor e danza mesturábanse. Lucíamos as nosas mellores galas de bailadores. As mulleres, cunhas enaugas e blusa branca impolutas, mandil negro, pano na cabeza e un mantón de reis. E os homes ían máis engalanados, co seu pantalón e camisa brancas, polainas de coiro, xemelgos, corbata, dous panos de reis e un gorro con plumas. E o guía identificábase porque levaba un espello no seu gorro”. 

Lembran que daquela non había coche, pero si unhas boas tamancas que lle facían o camiño máis levadeiro para chegar a pé alí onde lles deixaran botar uns bailes. “Oliveira era o noso lugar, pero non só nos quedábamos aquí, senón que íamos a tódalas parroquias colindantes ata Covelo na festa de Reis e noutras festas como San Namaro en Lira”. 

O diñeiro non era o que os movía, xa que apenas lles tocaba unha peseta a cada un, era ese afán de pasalo ben, de reunirse para percorrer xuntos carreiros e montes, e ter como recompensa unha boa merenda de chourizos, pan e viño en cada casa e torreiro que visitaban. Sen decatarse esta mocidade foi a portadora dunha tradición e así o fan as xeracións actuais.

Ensaiando a luz do carbús en cubertos e adegas a ao calor da amizade esta mocidade permanecía unida e arraigada ás súas orixes.

Por vez primeira na comarca

Os Pauliteiros de Miranda chegan dende Portugal por vez primeira á comarca coa súa danza guerreira chamada dança dos paus acompañados de gaitas de foles e bombo na que só os homes bailan aínda que recentemente se incorporaron as mulleres.

Con máis de vinte anos de percorrido, os Pauliteiros de Miranda son unha das principais atraccións do nordeste transmontano e contribuíndo na divulgación destas danzas brancas tan particular das terras de Miranda que levan por romerías, festas e diferentes actividades organizadas en todo o mundo. 

De Salceda chega o Rancho de Reis da Feira, vinculado ao entroido e que, ao igual que outros ranchos de Reis do val do Caselas, tiña uns traxes, composición e pasos de baile que o facían únicos, e totalmente diferentes aos doutras zonas do sur de Pontevedra. 

O rancho de reis de Salceda de Caselas está formado por 2 danzantes e 1 dama. Na dama de reis, chama especialmente a atención a grande cantidade de xoias de ouro que loce, e que fai anos se conseguían prestadas nas casas da xente en mellor situación económica, e que estas persoas prestaban con grande orgullo para que fosen lucidas no Rancho de Reis, o mesmo que acontecía cos aneis de ouro dos pañuelos dos danzantes. Isto implicaba ademais que os Ranchos tivesen que ir sempre acompañados de máis persoas que facían unha labor de “custodia e protección”, polo enorme valor das xoias empregadas 

Na danza, os danzantes loitan por conseguir a unha dama. A dama, representada por unha nena ou neno vestido de nena, será a encargada de elixir o gañador, obsequiando cunha ribeirá que bailará en exclusiva con él.

O Rancho de Reis de Fozara recuperouse no ano 2006 e datan no ano 1966 a última vez que se bailaran, corenta anos de parón que implicaron tarefas de investigación nas que se implicou toda a veciñanza. Contan algúns dos bailadores dos anos 60 que comezaban ás vésperas de reis danzando e percorrendo Paredes, Lordelo, Pazos de Borbén, as Muras e Moscoxo para logo baixar e pasar a noite nas casas de familiares ou amigos da parroquia de Toutón. Dín que naquela época era moi habitual toparse con outros Ranchos de Reis e que cando isto acontecía había que “dar os Reis” mutuamente, isto era bailarlle as danzas ao outro Rancho como mostra de respecto.

A concelleira de Cultura e Turismo, Hortensia Bautista, convida a toda a cidadanía de Ponteareas e da área metropolitana a presenciar un encontro coas orixes e o froito do esforzo de investigar para traer ao presente as danzas dos nosos antergos.