Ponteareas, xaneiro de 2014. Humana Fundación Pueblo para Pueblo, organización non gobernamental para o desenvolvemento (ONGD) que dende 1987 promove a protección do medio ambiente e leva a cabo proxectos de cooperación en África, América Latina e Asia grazas aos recursos obtidos coa xestión do téxtil procedente da roupa usada, recolleu 50.926 quilos de roupa e calzado usados en Ponteareas ao longo do ano 2013. A recollida selectiva é unha ferramenta eficaz de xestión de residuos, proba disto é que o téxtil que os veciños e veciñas depositaron nos puntos habilitados para tal fin evitou a emisión de 161 toneladas (161.384 quilos) de CO2 á atmósfera (Fonte: Waste Management Options and Climate Change: Final Report. European Commission, DG Environment).
A reciclaxe téxtil contribúe á protección do medio ambiente ao reducir en parte os residuos que xera a cidadanía, outorgando unha segunda vida a unha roupa que doutro xeito iría parar ao vertedoiro para ser incinerada.
A Fundación xestiona a recollida selectiva de roupa usada no municipio a través dunha rede de 11 contedores instalados en lugares de fácil acceso. Dende o inicio da súa actividade en España, en 1987, o obxectivo de Humana é xestionar de xeito eficaz as doazóns de roupa usada, unha filosofía que ten moito sentido nunha sociedade na que o consumo de téxtil fai que o volume de pezas que se desbotan medre de xeito progresivo ano tras ano.
En Galicia, Humana conta con 339 contedores para a roupa usada grazas aos acordos de colaboración estabelecidos con diferentes concellos, entidades e empresas privadas; o ano pasado recolléronse 2.079 toneladas de téxtil usado. No conxunto de España, a Fundación conta con 5.200 contedores que anualmente recollen ao redor de 18.000 toneladas de roupa. A reciclaxe e a reutilización de material téxtil é un servizo gratuíto para os municipios e significa un aforro importante nos gastos de recollida e eliminación de residuos urbanos.
Os recursos obtidos coa xestión do téxtil usado permiten o finanzamento e o desenvolvemento de programas de protección do medio ambiente en España e de cooperación nos países do Sur, nos ámbitos da educación, agricultura e desenvolvemento rural, desenvolvemento comunitario, enerxía renovábel e eficiencia enerxética, enfermidades contaxiosas e asistencia e emerxencia. Así mesmo, tamén se levan a cabo proxectos de axuda social nos municipios nos que a Fundación está presente, xa sexa en colaboración directa con actuacións que realiza o propio concello ou ben a través de entidades locais. Durante o ano 2013 entregáronse 1.100 vales en toda España por un valor total de 33.000 euros.
Clasificación del téxtil
As prendas depositadas nos contedores de Humana en España teñen dous destinos: unha parte envíase ás plantas de clasificación que Humana ten en L’Ametlla del Vallès (Barcelona), Leganés (Madrid) e Valderrubio (Granada) e o resto véndese a empresas de reciclaxe.
As prendas que son enviadas a algunha das tres plantas distribúense do seguinte xeito:
- Un 12% da roupa clasificada destínase ás 28 tendas de segunda man que Humana ten en España.
- Un 48% das prendas clasificadas envíase a África para a súa venda a presos baixos a comerciantes locais co fin de satisfacer a demandas destes países, impulsar a actividade económica local e xerar recursos para o desenvolvemento.
- Ao redor dun 32% atópase nun estado que non permite a súa reutilización polo que se vende a empresas de reciclaxe téxtil.
- O 8% restante destínase aos centros de tratamento de residuos porque está composta por pezas que non se poden reutilizar nin reciclar debido ao seu estado.
Sobre Humana
HUMANA é unha organización non gobernamental para o desenvolvemento (ONGD) que dende 1987 promove a protección do medio ambiente e leva a cabo programas de cooperación en África, América Latina e Asia grazas aos recursos obtidos coa xestión do téxtil usado. A organización conta con 5.000 contedores para a recollida de roupa e calzado usados nas principais cidades españolas grazas aos acordos que mantén con máis de 800 concellos e preto de 500 entidades e empresas privadas. Así mesmo, conta con 400 puntos de recollida en estabelecementos comerciais de diferentes cidades españolas no marco da campaña ¿TÚ enCAJAS? Anualmente recóllense ao redor de 18.000 toneladas de téxtil usado en toda España.
HUMANA conta con 29 tendas de venda de roupa de segunda man en Madrid (13), Barcelona (12), Sevilla (2) e Granada (2), respectivamente, que xeran os recursos precisos para o finanzamento dos programas de cooperación. A Fundación conta, ademáis, cun programa de educación para o desenvolvemento e desenvolve cabo numerosas campañas de sensibilización ao redor da importancia da reciclaxe téxtil para a protección do medio ambiente e como fonte de recursos para a cooperación nos países do Sur.
HUMANA conta actualmente con máis de 350 empregados. Forma parte da Federación HUMANA People to People, que agrupa a 35 organizacións a nivel mundial.