Hoxe, venres, Concerto de Clausura do III Festival Groba

Orquestra de Cámara Galega n inauguración-1Hoxe, venres, terá lugar o concerto de Clausura do Festival. A primeira parte do programa está reservada para os alumnos participantes nas clases maxistrais que se desenvolveron ao longo da semana. A segunda parte estará cuberta pola Orquestra de Cámara Galega que interpretará obras de Vivaldi e Holst, e que estreará unha das últimas composicións do Mestre Groba, “O xílgaro e o picapau”, un concerto para frauta, xilófono e corda no que actuarán como solistas André Cebrián e Xoel González.

A alta calidade demostrada polos concursantes e polo resto de participantes no festival quedou patente ao longo de toda esta semana, acadando unha audiencia moi importante en cada unha das actuacións. A satisfacción do público tamén se fixo notoria á saída de cada concerto, recibindo numerosas felicitacións polo desenvolvemento da actividade.