A hostelería e o conservatorio municipal súmanse á campaña contra a violencia de xénero

A concellería de Benestar Social, Igualdade e Mocidade, que dirixe Verónica Carrera, realiza esta semana varias actividades con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Coa intención de concienciar e implicar á veciñanza, nas distintas actividades colaboran diferentes sectores da poboación e da vida cotidiá de Ponteareas. 

Ao longo destes días, os e as cidadáns xa poden ver nos escaparates e mostradores do comercio de Ponteareas as ilustracións do II Concurso de Debuxo contra a Violencia de Xénero realizados polos escolares dos centros públicos e concertados de Ponteareas o ano pasado. Nesta edición, arredor de 180 locais comerciais de Banastra quixeron amosar o seu rexeitamento contra a violencia de xénero. 

Toda a cidadanía implicada

Ademais, a Concellería de Igualdade repartirá entre os locais de hostelería de Ponteareas servilletas coa imaxe da campaña “Querémonos Vivas” e proxectará no auditorio municipal a película “La teta asustada” o vindeiro venres día 24 de novembro ás 20:30 horas.

O vindeiro 25 de novembro ás 11:30 horas terá lugar a entrega dos premios aos gañadores da III edición do Concurso de Debuxo contra a violencia de xénero. Será diante do Concello de Ponteareas e entregarán unha tablet e material escolar. Ademais, ás 12 horas os alumnos do IES Val do Tea, do IES do Barral e do IES Pedra da Auga lerán o manifesto redactado por eles mesmos, o acto estará amenizado por alumnas do conservatorio municipal.