A historiadora e antropóloga Andrea Fernández Vilela, abrirá a Semana das Ciencias de Ponteareas

Entre o 24 e o 29 de abril, Ponteareas acollerá conferencias e actividades encamiñadas a achegar a ciencia, de xeito doado, á cidadanía e aos escolares.

Hoxe luns, 24 de abril, ás 18:45 h, a Sala de Usos Múltiples do Auditorio Municipal de Ponteareas, acolle o acto inaugural da segunda edición da Semana das Ciencias, unha iniciativa da Concellería de Ensino que busca “desmitificar” a ciencia e achegala á cidadanía e aos escolares do municipio.

A inauguración desta semana das ciencias correrá a cargo do alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e da concelleira de Ensino, Cristina Fernández. Deseguido, ás 19 horas, terá lugar a conferencia inaugural que levará a termo Andrea Fernández Vilela, historiadora e máster en Antropoloxía Física, que falará sobre A antropoloxía física dentro do ámbito científico.

Licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela na especialidade de Prehistoria, Historia Antiga, Arqueoloxía e Patrimonio, Andrea Fernández cursou o máster de Antropoloxía Física: evolución e diversidade humanas, das universidades Autónoma de Madrid e Complutense de Madrid e Alcalá. Participa de xeito habitual en campañas de escavación arqueolóxica en Prehistoria dende o ano 2006.

Despois do éxito da primeira edición da Semana das Ciencias, a iniciativa procura “consolidarse e facer de Ponteareas un referente na celebración deste tipo de actividades que busca, fundamentalmente, achegar á ciencia á cidadanía”, explica Cristina Fernández.

Nese sentido, a primeira xornada amosa que a “denominada ‘fenda’ entre a sociedade e as ciencias non é tal, se somos quen de explicar esta de xeito rigoroso pero ao mesmo tempo divertido e ameno”.