Gustavo Alves gaña o concurso de debuxo “Ponteareas con ollos de nenas e nenos”

A concellería de Ensino entrega este venres día 25 ás 12 horas os tres primeiros premios do concurso de debuxo “Ponteareas con ollos de nenas e nenos”.

No salón de plenos, a concelleira Cristina Fernández, entregará a Gustavo Alves de Oliveira, Daniela Otero Rial e Noel de Lorenzo Sío, alumnos do CPR Santiago Apóstol, os premios deste concurso que pretende pór en valor ante a comunidade educativa, e máis concretamente ante o alumnado de Primaria e Secundaria, o contorno natural, paisaxístico e Patrimonial do Concello de Ponteareas.

Os participantes deixaron voar a súa imaxinación para plasmar creacións relacionadas co Patrimonio Municipal, a natureza e a paisaxe así como aqueles recunchos do Concello que o alumnado ten máis próximos e propón recuperar para o seu uso e desfrute.

Gustavo Alves, primeiro premiado, desfrutará dun curso de debuxo intensivo e a segunda e o terceiro premiado obterán un vale de compra de material de debuxo e escolar.