Grande éxito do V Festival Internacional de Teatro de Rúa en Ponteareas

Un público entregado ateigou as rúas de Ponteareas durante catro días nas múltiples actuacións que ofreceu a quinta edición do Festival Teatro de Rúa

As rúas e prazas de Ponteareas enchéronse de ledicia no Festival Internacional de Teatro de Rúa. O teatro, a música e o circo, ademais dos sorrisos do público, foron os protagonistas nas rúas ponteareás durante os catro días nos que se celebrou o festival que acaba de pechar a súa quinta edición.

Os espectáculos itinerantes “Aviador tolo” e “Festa xurásica”, xunto á música das charangas Alecríns, SDK e Os Galácticos, crearon o ambiente propicio para gozar dos espectáculos de maxia e circo que ofreceron o Mago Noel, El Gran Rufus, Vanminsel Rudi, Jano e Johanna Hesse. O broche musical a catro días de programación correu a cargo do grupo Breocáns.

O éxito desta última edición non fai máis que reafirmar a espectacular acollida que ten este Festival cada ano e que, segundo o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, “atrae cada vez máis público e logra manter a súa fidelidade, asistindo edición tras edición dado o gran nivel artístico das actuacións e o ambiente festivo e alegre que se xera durante estes días en diferentes espazos da nosa vila”.

Bouzó apunta que “con esta quinta edición do Festival Internacional logramos dinamizar máis de vinte rúas e prazas de Ponteareas”. O edil asegura que dende o Concello “seguiremos traballando para ofrecer cada vez máis propostas culturais e de lecer á veciñanza, co obxectivo de continuar mantendo unha vila dinámica e chea de vida”.