Gobernos de Ponteareas e Mondariz e usuarios reclaman a reposición do servizo público de autobuses

Usuarios e colectivos afectados polos recortes no servizo de transporte público de autobuses mantiveron onte unha reunión co Alcalde de Ponteareas, a Concelleira de Mobilidade, a Tenente de Alcalde e a Concelleira de Participación Cidadá para acordar as medidas a adoptar na reclamación da reposición do servizo público de autobuses.
Na reunión, mantida na casa do Concello, o equipo de goberno e os afectados acordaron esixir á Xunta de Galicia o mantemento do servizo de autobuses e a frecuencia existentes ata antes do pasado 8 de agosto, data a partir da cal se produciron os recortes.
O goberno de Ponteareas solicitará unha reunión urxente coa Consellería para esixir non só a reposición do servizo se non tamén pedir explicacións pola falta de transparencia e información ofrecida tanto aos concellos como aos usuarios quedando moitos deles esquecidos nas paradas dos autobuses sen saber que ese mesmo día deixaba de existir esa liña ou ese horario.
Os afectados, que seguirán coa recollida de sinaturas, amosaron especial preocupación polas condicións do novo servizo de recollida escolar do que tampouco dispoñen de información.
Neste momento, contabilízanse máis de doce liñas suprimidas nos traxectos lindantes coa N-120 tanto en dirección Ourense como en dirección Vigo.
Á reunión asistiron usuarios do centro urbano afectados polo recorte, representantes veciñais das asociacións de veciños de Santiago de Oliveira, San Lourenzo de Oliveira e Cumiar, ademais do Alcalde da entidade menor de Vilasobroso, a primeira tenente de Alcalde de Mondariz e membros do equipo de goberno do Concello de Ponteareas.