O goberno de Ponteareas informa que no pleno ordinario celebrado onte un responsable da plataforma veciñal de Ribadetea puido intervir para explicar que a veciñanza da parroquia sigue esperando a que a Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, contrate o proxecto de saneamento para toda a parroquia, incluída Cillarga, tal e como se comprometeu a directora xeral no encontro mantido en Santiago ao que tamén asistíu o alcalde Xosé Represas.
O representante da plataforma puxo de manifesto a necesidade urxente de saneamento nesta parroquia que é unha das máis poboadas de Ponteareas e que convive con espazos protexidos da marxe do río Tea.
O alcalde Represas engadíu que este proxecto que ten que realizar a Xunta de Galicia ten que ser coherente co plan director de saneamento redactado polo concello de Ponteareas. Un plan director que foi enviado aos técnicos de Augas de Galicia para poder ter información e contratar o proxecto concreto de actuación en Ribadetea, proxecto polo que concello e veciños siguen agardando.
Represas tamén adiantou que as obras previstas de ampliación da depuradora e tamén de colectores principais que dan á depuradora da Moscadeira xa contemplan a construción dun novo colector dende o parque de San Roque á Moscadeira con capacidade suficiente para recoller os vertidos de Ribadetea e outras zonas.
“Nos proxectos encargados pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil xa está contemplada a recollida das augas de Ribadetea e doutras zonas máis porque non só resolverá o tratamento do caudal actual, se non que terá capacidade suficiente para un futuro aumento dos vertidos a tratar”.
O alcalde e os membros da plataforma tamén valoraron urxir a Augas de Galicia a oportunidade de manter unha nova xuntanza para que o proxecto sexa contratado sen máis demora.