O goberno de Ponteareas esixe que se repoña o servizo de transporte público

O Alcalde de Ponteareas convoca a tódolos usuarios do servizo público de transportes a unha reunión que terá lugar o vindeiro mércores día 30 ás 20:30 horas no salón de plenos. Á reunión asistirán representantes da Alcaldía de Mondariz e distintos colectivos afectados.
Logo de agardar unhas semanas para comprobar como se estaba a desenvolver o novo servizo público de transporte, o Concello de Ponteareas considera que é un servizo deficitario que non satisface as necesidades básicas de desprazamentos da veciñanza.
Recentemente a Xunta de Galicia adxudicou o servizo de autobuses que se viña prestando polas empresas que decidiron non seguir prestándoo. Este servizo de autobuses interurbano é fundamental para aquelas poboacións que teñen moita dispersión xeográfica e unha elevada media de idade, este é o caso das parroquias de Ponteareas que precisan os autobuses para poder ter acceso a servizos esencias como o hospital ou o centro de saúde ou mesmo as compras diarias.
Nas últimas semanas foron moitas as queixas recibidas dos usuarios pero sobre todo das parroquias de Arcos, Cumiar, San Lourenzo de Oliveira e Santiago de Oliveira polo que a Concelleira de Mobilidade, Vanesa Fernández, remitíu un escrito á Xunta de Galicia recordándolle que a prestación do servizo de bus interurbano “é unha competencia exclusiva da Xunta polo tanto son eles os encargados de vixiar que se cumpran as condicións da adxudicación como o é a publicidade dos horarios da nova empresa adxudicataria e garantir que os autobuses pasen e paren nas paradas estipuladas”.
A Concelleira engade que “é unha situación moi grave e agardo que a Xunta tome cartas no asunto e preste aos veciños un servizo de calidade ao que teñen dereito. Por iso esiximos que a Xunta faga cumprir íntegramente os horarios que se viñan prestando con anterioridade a esta nova adxudicación”.
Actualmente existen problemas na liña 522 que ven da Cañiza sen que a Xunta de Galicia teña comunicado nada á veciñanza nin ao Concello.
Pero tamén están afectados tódolos veciños do casco urbano que se trasladan dirección Ourense ou os que se desprazan en dirección Salvaterra de Miño e todas aquelas parroquias lindantes coa N-120
Esta medida é un atranco máis ao desenvolvemento de Ponteareas, ao intercambio comercial e social, ao acceso dos veciños das parroquias aos servizos do centro urbano, ao fomento do emprego do transporte público, a promoción do rural…
Por outro lado, a Concelleira de Mobilidade aproveitou para pedirlle á Xunta que aclare como se vai prestar o servizo de demanda que se introduce como novidade nesta adxudicación pedindo que se teñan en conta os horarios das actividades extraescolares e que se contemple a posibilidade de incluir nese servizo a outros colectivos de prestación de servizo público como o son os taxis.