A oposición do Partido Popular e ACIP impiden celebrar o pleno extraordinario e urxente convocado para hoxe martes. O goberno de Ponteareas lamenta a falta de compromiso da oposición do PP e ACIP cos intereses dos veciños e veciñas de Ponteareas ao impedir a celebración dun pleno no que se debatiría a adxudicación das obras da rede calor á empresa seleccionada no proceso de contratación así como a declaración de “zona catastrófica” polos incedios.
No inicio do pleno o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, xustificou a urxencia para posibilitar a execución das obras da rede de calor que deben estar xustificadas o día 20 de novembro advertindo que o pleno so se podía celebrar tendo a maioría absoluta da Corporación e que so era posible contando cos votos a favor de ACIP e PP. A pesar de contar co voto a favor de EU, a abstención do PP e ACIP imposibilitaron a celebración do pleno ao non aceptar a urxencia da sesión sabendo que era imprenscindible contar con once votos a favor para non perder o millón de euros de fondos europeos concedidos a través do INEGA.
Diante desta situación o goberno local decídiu convocar para mañá mércores un pleno extraordinario agardando que a oposición actúe coa debida responsabilidade cos veciños.
Logo de por trabas durante sucesivos meses para ralentizar o avance do proxecto da rede calor, PP e ACIP dan as costas aos intereses da veciñanza impedindo debatir a adxudicación da obra á empresa seleccionada.
“Este proxecto dilatouse na fase incial pola carencia de técnicos da administración e habilitados estatais que realizaran os informes oportunos para este proxecto pero aínda asi o goberno sacou adiante os informes e nos primeiros dias de agosto foi aprobado en pleno a convocatoria do concurso público para adxudicar o proxecto”, explica o Alcalde, Xosé Represas.
Neste momento, a oposición puxo o primeiro atranco ao oporse a aprobar por urxencia a habilitación na contabilidade dun préstamos sen xuros por valor de 350.000€ concedido pola Deputación.
“Posteriormente o PP presentou un recurso no último día utilizando como argumento que a tramitación administrativa do préstamo estaba sen concluir cando sabían que non era así porque dispuñamos do conseguido da Deputación e así o constatou o propio interventor da Deputación no seu informe rexeitando os argumentos do recurso do PP que o único que conseguíu foi retrasar o arranque do proxecto e colocarnos agora nesta situación de risco ao non poder cumprir os prazos”.
A rede calor permitirá substituir o subministro de gasoil para calefactar os edificios públicos por biomasa de astilla procedente dos montes da comarca xerando aforro enerxético, invertindo os cartos na comarca, fomentando o emprego local, aproveitando os nosos recursos naturais, reducindo o risco de lumes e garantindo contaminación cero.
O goberno de Ponteareas conseguíu un millón de euros de axuda do INEGA procedentes de fondos europeos, conseguíu un préstamo sen xuros de 350.000€ para garantir a súa parte e conseguíu aprobar en pleno a convocatoria do concurso público e agora agarda que PP e ACIP reflexionen e que teñan en consideración aos veciños que representan.