O goberno avanza nas negociacións do convenio colectivo

O goberno de Ponteareas avanza na redacción do convenio colectivo e trala última reunión da mesa de traballo mantida con todos os sindicatos, que representan aos case douscentos traballadores municipais, anuncia que convocará nos vindeiros días aos distintos grupos da Corporación e representantes sindicais para presentarlles os puntos de entendemento viables e recoller a súa opinión coa intención de acadar un consenso unánime.

“Dado que agora están os traballos na fase final é cando procede convocar á Corporación para participar na mesa de negociación. É unha cuestión herdada de anos atrás a que agora nos queremos dar solución cunha negociación que se enmarca nuns límites: non incrementar o gasto salarial e derivar o aforrro xenerado por xubilacións a este financiar este incremento, de xeito que non tocaremos os orzamentos destinados aos investimentos de proxectos de mellora da calidade de vida da veciñanza. Actuando así na mesma liña que aborda o Estado de actualizar os salarios do funcionario”.

Na reunión mantida onte xoves 23 de novembro aceptouse a proposta de clasificación do persoal da escola infantil e a posibilidade de dispor de flexibilidade horaria por parte dalgúns departamentos para que o Concello poida abrir nos martes e xoves polas tardes e así ofrecer á cidadanía un mellor servizo nun horario máis amplo.

Entre os puntos de entendemento aos que se chegou cos representantes sindicais está o incremento salarial progresivo a tres anos dos traballadores que, na maioría dos casos, está moi por debaixo da media salarial dos outros concellos de Galicia. En concreto, as traballadoras da escola infantil terán un incremento ao estar dende hai anos e ata día de hoxe mesmo incluso por debaixo do convenio colectivo do sector privado.

O goberno de Ponteareas convocará unha mesa de negociación con tódalas forzas políticas e sindicais para estudar os outros puntos establecidos no convenio colectivo e agarda obter un acordo unánime que regule a caótica situación dos traballadores municipais nestes  últimas décadas.

“A pesar de non ser os responsables desta situación dende o primeiro momento quixemos sentar cos traballadores para comezar a estudar a mellora das súas condicións dentro das posibilidades deste Concello e sen que iso afecte aos proxectos que se executarán para a mellora do futuro dos veciños e veciñas de Ponteareas”, explica o Alcalde, Xosé Represas.

Nestes días, o goberno ponteareán ven de abrir o proceso de selección para a praza de traballadora social ao atoparse os servizos sociais do Concello desbordados de traballo. Centrados en solventar os problemas e necesidades do sector básico, este goberno ten incrementado a partida económica en Servizos Sociais e con esta nova praza poderán ter máis capacidade de traballo e acurtar os tempos de solución de necesidades.