Fran Fernández Davila presenta en Ponteareas a súa historia de aventuras e fantasía ‘O bosque do duque’

Fran Fernández Davila presenta en Ponteareas a súa historia de aventuras e fantasía ‘O bosque do duque’

Será este xoves 13 ás 20.00 horsa ao abeiro do ciclo ‘Abril, mes do libro’, co que o Concello conmemorar o Día Mundial do Libro

A literatura volve cobrar protagonismo esta semana en Ponteareas ao abeiro do ciclo de presentacións ‘Abril, mes do libro’. Este xoves 13 de abril o encargado de subirse ao escenario será Fran Fernández Davila, que achegará ao público a súa nova obra, O bosque do duque. O escritor vigués retorna cunha novela de aventuras e fantasía ambientada na cidade de ‘s-Hertogenbosk que nace da maxia das experiencias vividas alí polo autor, unha novela para todas as idades e cunha chiscadela ás infancias dos anos oitenta.

A historia recolle as vivencias de Sabine, unha rapaza galega dos Países Baixos que bota de menos Galicia, sobre todo ás súas avoas. Todo comeza o día do seu décimo aniversario, cando recibe un misterioso agasallo que lle abre as portas dunha grande aventura. Axudada polos seus amigos Wilko, Jeroen e Anja, a protagonista loitará non só pola súa identidade, senón tamén pola súa vida cun conxunto de fortalezas que non sabía que tiña dentro.

Fran Fernández Davila é enxeñeiro de Minas e MBA en Responsabilidade Social Corporativa, con máis de vinte anos de experiencia que lle permitiron viaxar por varios países de Europa e Oriente Medio. Dende que comezou a escribir en 2016 gañou máis de 20 premios literarios, entre os que destacan o XVII Antón Avilés de Taramancos de Relatos de Aventuras con Alana (2018), o XII Premio de Poesía Victoriano Taibo con Mover os marcos (2019) ou o XXXIII Certame de Poesía en Lingua Galega de Rosalía de Castro por O matrimonio é unha nasa (2020).

A presentación terá lugar a partir das 20.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal e contará ademais coa participación de César Lorenzo e Sonia Melón. O acto será de balde, con entrada libre ata completar aforo. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a participar nesta nova presentación do ciclo ‘Abril, mes dos libros’, co que o Concello busca achegar ao público obras de escritores e escritoras da comarca ou vinculadas á vila de Ponteareas e co que se conmemora o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor que se celebra o vindeiro 23 de abril.