O Festival Algazara cumpre vinte anos de recuperación da música tradicional

A agrupación folklórica Algazara de Soutelo-Celeiros presenta, en colaboración co Concello de Ponteareas e a Deputación de Pontevedra, o 20ª Festival Algazara que terá lugar os días 25 e 26 de novembro no auditorio municipal de Ponteareas.

O día 25 de novembro ás 19:30 horas actuará de balde a agrupación anfitriona “Agrupación Folklórica Algazara” que xurdíu a finais de 1997 cando un grupo de amigos decidiron unirse para formar unha asociación que recupera e difunde bailes e cancións tradicionais de Galicia e, en concreto, da zona de Ponteareas.

A agrupación conta con corenta membros entre o grupo de baile, os gaiteiros e pandereteiras.

A continuación actuará a agrupació de danzas Villa de Cuéllar de Segovia, unha agrupación que naceu no ano 1983 coa unión da escola de dulzaina, o coro parroquial e corpo de baile. Detrás do seu repertorio de danza, dulzaina, tamboril e rondalla hai un intenso traballo de investigación e recuperación de tradicións e vestiario. Jotas, Seguidillas, Tonadas, Fandangos Castellanos, Corridos e Rodas de toda Castilla e León protagonizarán o esceneario do auditorio municipal.

O domingo ás 18:30 horas actuará o grupo folk Os D´Abaixo formada por músicos de dous grandes referentes da música en Galicia: Berrogüetto e Fía na Roca. En Ponteareas presentan “Quixera ser dos paxaros”, o seu segundo disco, primeiro de estudio, composto por temas case todos inéditos provintes dun grande traballo de investigación, ao que tamén se adica a banda. 

A Concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, agradece á Agrupación Folklórica Algazara o seu importante traballo de investigación, recuperación, difusión e transmisión entre as novas xeracións do patrimonio tradicional de Ponteaeras.