Festa infantil para inaugurar o parque da Perillana

O Concello de Ponteareas redeseñou o parque infantil da Perillana que a partir de agora conta con novos xogos diferentes ocupando unha maior superficie. O chan de caucho foi renovado por completo.

Na obra retiráronse os xogos deteriorados incorporando elementos de xogo novidosos, algúns adaptados a menores con mobilidade reducida, incorpora unha tirolina cunha caída dun metro para nenos e nenas maiores de cinco anos, unha casa árbore, unha formiga tobogán, balancíns e montañas con camas elásticas e tobogáns en acero inox, entre outros elementos.

Todos os xogos son de materiais antideslizantes e dispóñense de xeito que faciliten a socialización dos cativos e cativas e con cores uniformes para a súa integración nunha contorna de elevando valor patrimonial.

O entorno do parque infantil mellorouse tamén coa colocación de bancos e papeleiras que completa un orzamento de 57.003€.

O goberno de Ponteareas convida a todas as familias á inauguración do parque que terá lugar este venres día dous ás 17 horas cunha feta infantil. A mellora da calidade de vida dos máis novos é fundamental para este goberno xa que son o futuro de Ponteareas. Seguindo as directrices marcadas na estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable” o goberno apostará sempre pola implantación de áreas de convivencia e participación, a mellora de espazos que faciliten a socialización e promovan hábitos de vida saudables.