Expertos en patrimonio e investigadores de España e Portugal no I coloquio internacional “O patrimonio etnográfico”

O concello de Ponteareas acollerá mañá venres día 15 o I coloquio internacional “O patrimonio etnográfico” que congregará a expertos en patrimonio e investigadores chegados de diferentes universidades do estado español e de Portugal.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e o catedrático de análise xeográfica rexional e coordinador do grupo ANTE da Universidade de Santiago de Compostela (USC), acompañados de Miguel Pazos Otón, director do Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR) serán os encargados de dar a benvida aos congresistas e participantes a partir das dez da mañá.

Ao longo de todo o día na sala de conferencias do auditorio municipal estudaranse aspectos relativos ao turismo como dinamizador do patrimonio etnográfico; os museos e centros de interpretación como ferramentas de conservación e desenvolvemento turístico; a relación entre a paisaxe cultural, o territorio e o hábitat ou a arte efémera das alfombras de flores do Corpus como patrimonio etnográfico intanxible e como potencial elemento do turismo espiritual.

Nesta xornada que se desenvolverá ata as oito da tarde, intervirán expertos das universidades de Vigo, da de Santiago, da universidade Miguel Hernández, da universidade de Alicante, da Autónoma de Barcelona e tamén do veciño país de Portugal, universidade de Tràs-os-Montes e University of Algarve.

Ademais, estarán presentes conferenciantes do Museo do Pobo Galego, da escola de arquitectura Cesuga-USJ, do museo etnolóxico de Ribadavia, do Centro de Estudos e Investigacións Turísticas e das nosas alfombras florais.

Este primeiro coloquio internacional supón un reforzo á promoción das nosas alfombras florais que son a máxima expresión dunha arte efémera de recoñecemento mundial pero tamén supón un afondamento nas súas raíces e na importancia que teñen para o noso concello e para a área metropolitana en xeral”, explica Xosé Represas.

A directora xeral de Turismo, Nava Castro, participará no acto de clausura arredor das horas.

A xestión do patrimonio cultural, o turismo e o lecer cultural están a converterse nunha das principais e máis sólidas estratexias territorias de desenvolvemento local.

Neste primeiro coloquio internacional debaterase sobre o patrimonio etnográfico desde o punto de vista da conservación, xestión e posta en valor como recurso turístico. Ámbito onde se prestará especial interese á arte efémera das alfombras de flores de Corpus e o seu potencial como produto turístico.