Éxito do Club Natación Ponteareas no Campionato de España Máster

Éxito do Club Natación Ponteareas no Campionato de España MásterQuince medallas e novas marcas nos récords estatais e europeos foron os recoñecementos conseguidos polas e polos deportistas do Club Natación Ponteareas que se mediron con máis de 1.200 nadadores e nadadoras de toda España esta pasada fin de semana.

 

O equipo máster do club participou do 3 ao 6 de marzo no campionato de España que se celebrou na piscina Rías do Sur de Pontevedra, no que participaron 161 clubs de toda a xeografía española.

 

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, fixo fincapé nos bos resultados das e dos deportistas do club ponteareán, que conseguiron dúas medallas de ouro, catro de prata e nove de bronce en categoría individual e numerosos récords nas marcas estatais e europeas. Bouzó destacou o salientábel da participación do equipo do Condado “reflexo do esforzo que fan ao longo de todo o ano”. As nadadoras e nadadores locais “sobresaíron entre máis dun milleiro de participantes nunha competición de alto nivel con gran repercusión non só a nivel deportivo, senón tamén de promoción turística, xa que levan o nome de Ponteareas a cada lugar no que compiten”.

 

Catro días de campionato que situaron ao equipo ponteareán como primeiro a nivel autonómico na categoría conxunta e décimo sexto na clasificación xeral. O equipo feminino situouse entre os dez primeiros, na oitava posición, e o masculino no vixésimo terceiro posto.

 

Uns bos resultados que lle dan pulo para continuar co resto da tempada  e cos próximos retos. O vindeiro será o Campionato Galego Máster de longa distancia que se disputará dentro de dúas semanas.