Éxito de participantes na visita guiada polo Cemiterio Municipal de Ponteareas, a cargo do estudoso Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez

La VozNumerosos veciños participaron este xoves na visita guiada ao Cemiterio Municipal de Ponteareas, programada pola Concellería de Cultura, que dirixe Andrés Sampedro Fernández, coa finalidade de dar a coñecer o patrimonio artístico que constitúe este conxunto funerario.

A visita correu a cargo do etnógrafo e estudoso Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez, un dos máis importantes investigadores dentro do eido da natureza ou da etnografía, entre outros. Da man deste gran coñecedor, púidose coñecer a arquitectura funeraria e igualmente os traballos dos marmoristas de Ponteareas, autores de sorprendentes mausoleos, vistosos panteóns e artísticas lápidas. Achegáronse tamén os visitantes a aqueles persoeiros ilustres de Ponteareas que teñen neste cemiterio a súa última morada.

Contou esta actividade coa asistencia do edil de Cultura, Andrés Sampedro, quen manifestou que con este tipo de visitas preténdese dar a coñecer á cidadanía parte do patrimonio cultural e artístico da Vila do Tea, así como agradeceu igualmente poder contar con Estanislao Fernández, un dos persoeiros que máis investigaron neste eido e que deu lugar á publicación do libro “Os marmoristas-construtores de tumbas dos séculos XIX e XX nos camposantos de Ponteareas”. Xunto a estas actividades programárose durante este verán tamén outras visitas para coñecer o patrimonio natural e cultural, como foi o percorrido polo casco urbano de Ponteareas, que contou tamén con moitos asistentes que querían profundizar no coñecemento da vila.