Éxito de participación na primeira edición de Pentagrama musical

A Concellería de Comercio, Hostalería e Consumo do Concello de Ponteareas agradece a todos e todas as participantes na primeira edición de Pentragrama musical o seu bo traballo e a ilusión depositada conseguindo que resultara todo un éxito. O 1º Pentagrama musical congregou a visitantes e clientela habitual que non dubidaron en salientar a orixinalidade da idea e a súa satisfacción pola oportunidade de escoitar música en directo.

Noventa microconcertos de quince minutos encheron de notas musicais de moi variados estilos os vinte bares que participaron na iniciativa. A concelleira socialista Inés Vidal fai un balance positivo desta primeira edición e adianta que o pentagrama musical volverá á hostalería da cidade nos vindeiros meses.

“Tanto os locais participantes como a clientela fíxonos chegar os seus parabéns e agradecementos por esta ocasión única de escoitar música tocada á banda en directo. A mín so me queda dar as grazas a todos os establecementos que participaron, aos clientes e aos músicos da Banda Xuvenil de Xinzo e do conservatorio municipal que xuntos fixeron que fora todo un éxito”.

Para a concelleira de Comercio e Hostalería é fundamental traballar en equipo con todos os emprendedores, comerciantes e praceiros conectándoos co resto dos axentes sociais da cidade e facendo que a suma de esforzos e potenciais resulten un gancho atractivo para a clientela.

Promocionar o atractivos dos negocios locais e ampliar a oferta de calidade é o primeiro obxectivo marcado na axenda desta concellería.

Pola súa parte, o presidenta da Banda de Música Xuvenil de Xinzo agradece as facilidades que se lles deu na realización dos microconcertos e á iniciativa novidosa da concellería que permite a promoción e difusión da música e da cultura ponteareá.