Éxito de implantación do teletraballo

A concellería de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico implantou softwares libres que permiten as videoconferencias e un sistema de mensaxería inmediata entre departamentos

O concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez, fai balance deste mes de implantación do teletraballo e traslada á cidadanía que a totalidade dos e das traballadoras municipais que desenvolvían traballos con equipamentos informáticos traballan dende hai xa un mes totalmente de xeito telemático. Benito Márquez, que tamén é concelleiro de Persoal, salienta o excelente traballo do departamento de informática que foi quen de implantar en tempo récord a infraestrutura para o teletraballo permitindo que dende o primeiro momento os e as traballadoras desenvolvan dende os seus fogares o 100% do traballo a través dun software que lles permite acceder aos seus escritorios virtuais dende fóra da rede corporativa de xeito transparente empregando as mesmas ferramentas e programas informáticos que utilizaban nas oficinas municipais. A través dunha dobre autenticacións garántase a seguridade no acceso.

O escenario de teletraballo xa se tiña contemplado dende hai un tempo, de aí a decisión de implantar o ano pasado unha solución no Concello de escritorios virtuais baixo terminais lixeiros, o que supón múltiples vantaxes, unha delas a mobilidade do espazo de traballo”.

O Concello preparou equipo portátiles e manuais como guía para teletraballar e creouse un sistema de VPN (rede privada virtual) para aqueles usuarios/as que, por características do software específico co que traballan, non teñen posibilidade de virtualizar o seu escritorio.

O concelleiro de Persoal agradece tamén a todos e todas as traballadoras a súa boa disposición e rápida adaptación a este novo sistema de traballo que atende as necesidades e xestións máis urxentes mentres dure este estado de alarma.

Ademais, o Concello implantou un software libre para a comunicación inmediata entre os distintos departamentos, este sistema de mensaxería instantánea permite unha comunicación fluída e áxil entre os traballadores e traballadoras adaptado aos nosos escritorios remotos e traducido ao galego.

Benito Márquez engade que o Concello dispón tamén dende os primeiros días dun software libre, gratuíto e seguro que fai posible a celebracións de reunións como a mantida entre o goberno e a oposición nos últimos días ou a realización de xestións e tramitacións municipais que requiren o diálogo e toma de decisións entre distintos departamentos. Un dos sistemas de maior seguridade existentes no mercado.

Fomos dos primeiros Concellos da provincia capaces de implantar o teletraballo con sistemas informáticos seguros e eficientes e con programas e ferramentas que ademais de permitir o traballo individual facilitan o encontro virtual entre traballadores e traballadoras”.