
A VII Andaina de Guláns encheu prazas esta fin de semana, con centos de aventureiros e aventureiras que remataron as rutas de 12 e 25 km
‘AndaGuláns’ conquistou aos máis aventureiros e aventureiras. Centos de persoas déronse cita este domingo para gozar dunha nova edición dunha das andainas máis agardadas do ano, pero tamén máis complexas, cun amplo percorrido polos penedos de diferentes desniveis da parroquia de Guláns. Deporte, música e confraternización camiñaron da man nesta proba organizada por membros da Asociación Artística e Cultural de Guláns en colaboración co Clube de Montaña Xistra e a Federación Galega de Montañismo e co apoio do Concello de Ponteareas.
Durante a xornada, as e os participantes conquistaron as dúas rutas circulares preparadas para esta cita anual, unha curta de 12 quilómetros apta para todas aquelas persoas que se están a iniciar no mundo das andainas ou que non están tan acostumados a elas, e outra máis longa de 25 quilómetros, unha ruta cronometrada deseñada para deportistas e que puntuaba para o IX Open Andainas de Regularidade 25km.
A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, e o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, non quixeron perder a ocasión e participaron nesta andaina “que cada ano acolle a un maior número de xente disposta a gozar non só dunha xornada de deporte e natureza, senón tamén a coñecer un pouco máis a parroquia e a súa riqueza paisaxística e patrimonial”. O Goberno municipal quere agradecer unha vez máis o gran labor que realiza a organización para poñer en marcha unha nova edición desta andaina que cada ano conquista a máis público.




