Exercicios de autonomía persoal no “piso piloto” do CDL

piso-piloto-cdl-2Os alumnos do centro Asprodico en Ponteareas, dependente da Concellería de Servizos Sociais – Atención Primaria que dirixe Marisol Valado, veñen de levar a cabo, durante varias sesións, actividades de autonomía persoal realizadas no “piso piloto” que se construiu dentro das instalacións do Centro de Desenvolvemento Local (CDL) para a realización de diversos cursos e talleres.

Este apartamento é un espazo diáfano que conta con diferentes estancias e que está elaborado con diferentes materiais, simulando unha vivenda real. Unha cociña, un baño e dous dormitorios completamente equipados que permiten a persoas con diferentes discapacidades aprender a desenvolverse con autonomía no ámbito doméstico.

Os labores que puxeron en práctica os alumnos oscilaron dende o manexo de diferentes electrodomésticos, pasando pola elaboración de sinxelas receitas de cociña ata traballos de limpeza, como facer unha cama ou saber que produto utilizar para lavar o chan en función do tipo de superficie.

Estas actividades abren a posibilidade de ensinar a estas persoas con discapacidade a utilizar correctamente aparellos de uso habitual na vida cotiá, permitíndolles deste xeito acadar unha maior independencia, tanto nas tarefas do fogar, como no desenvolvemento doutras funcións que poden xurdir en diferentes eidos sociais.

Este “piso piloto” facilitará tamén a organización doutros talleres, como o de cociña, que adoita ter unha grande acoillida entre os veciños e as veciñas da comarca.