Esther Sestelo Longueira, pregoeira do Corpus 2022 en Ponteareas

 

A pregoeira, natural de Ponteareas, ten unha ampla traxectoria vinculada á música e á literatura

 

O goberno local de Ponteareas vén de anunciar que Esther Sestelo Longueira será a pregoeira do Corpus Christi 2022.

 

Natural de Ponteareas, Sestelo está afincada en Madrid, traballando no Conservatorio Profesional de Música Joaquín Turina e impartindo Humanismo e Música na Fundación Universitaria San Pablo CEU. É Doutora en Musicoloxía e Licenciada en Historia e Ciencias da Música,  e impartiu docencia en diferentes universidades estatais e internacionais, así como en numerosos conservatorios españois.

 

A pregoeira posúe tamén estudos de Psicoloxía e é Diplomada en Lingua Inglesa pola Universidade de California, onde realizou estudos de Doutorado en Lingüística e Literatura Hispanoamericana, así como de Máster en Piano e Música de Cámara.

 

Ademais, é unha escritora prolífica con 9 títulos publicados, compaxinando investigación e literatura. Colabora con Aldeas Infantiles SOS e Save The Children, doando os dereitos de autor dos seus libros infantís e xuvenís a estas ONG.

 

“Esther é un exemplo de solidariedade e compromiso e nunca esquece as súas orixes. A súa traxectoria está fortemente ligada á música, que xunto ás alfombras do Corpus é un dos sinais de identidade de Ponteareas no mundo. Por iso consideramos que é unha excepcional pregoeira para abrir as celebracións deste ano”, indicou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

 

A lectura do Pregón terá lugar o domingo 12 de xuño e marcará o inicio dunha semana de Corpus chea de actividades, que recuperan a ansiada normalidade e que o goberno local dará a coñecer nos vindeiros días.