Esther Sestelo Longueira enxalza o Corpus e as alfombras florais de Ponteareas no seu novo libro

Esther Sestelo Longueira enxalza o Corpus e as alfombras florais de Ponteareas no seu novo libro

A pregoeira do Corpus no 2022 presentará Clara e o seu diario, nunha experiencia marabillosa o 7 de maio ás 12.45 h na sala multiúsos do auditorio

O Corpus Christi de Ponteareas segue estando moi presente na literatura. A musicóloga e historiadora Esther Sestelo Longueira, pregoeira do Corpus o pasado ano, presentará na vila o seu novo libro, unha novela de literatura infantil e xuvenil na que a autora a través da súa personaxe principal, Clara, divulga e enxalza a festividade do Corpus Christi de Ponteareas e as súas alfombras florais.

Trátase dunha edición bilingüe castelán-galego, Clara y su diario, en una experiencia maravillosa / Clara e o seu diario, nunha experiencia marabillosa que a autora presentará o vindeiro domingo 7 de maio ás 12.45 horas na sala multiúsos do auditorio municipal nun acto de balde aberto a toda a veciñanza.

O libro, publicado pola editorial Belagua, é a cuarta aventura da serie ‘Clara e o seu diario’, a través dos que a protagonista volve contar historias a través do seu diario falado. Nesta ocasión a escritora sorprende o público cunha aventura única e marabillosa na que Clara viaxa de novo a Galicia “para vivir intensamente unha festividade moi relevante. Unha fin de semana inesquecíbel, plena de cor e xenerosidade, que marcará a personalidade e sensibilidade da protagonista”.

Ademais de escritora, Esther Sestelo Longueira é doutora, musicóloga e historiadora en Ciencias da Música, catedrática de conservatorio, profesora de universidade e académica. Sestelo cede os dereitos de autoría deste libro para colaborar coas necesidades escolares e culturais das nenas e nenos de Ponteareas.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, convida a toda a veciñanza a arroupar na presentación da súa nova obra a Esther Sestelo, “una muller que é exemplo de solidariedade e compromiso e que nunca esquece as súas orixes. A súa traxectoria está fortemente ligada á música que, xunto ás alfombras do Corpus, é un dos sinais de identidade de Ponteareas no mundo”.