Este xoves, día 12 de xuño, o salón de plenos da Casa do Concello de Ponteareas acolleu a presentación da revista “Pregón”, publicación emblemática do Corpus Christi.

Fotos Medios MediosO alcalde, Salvador González Solla, xunto co concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, presentaron este xoves a revista “Pregón”, publicación que recolle ano tras ano artigos referentes ao Corpus, convertíndose nunha referencia escrita e visual de todas as alfombras confeccionadas o ano anterior e que ten unha ampla difusión non só en Galicia e España, senón tamén alén das nosas fronteiras, como en Uruguai, Arxentina, Cuba, Venezuela, México, etc, onde os nosos ponteareáns que están fóra a gardan ano tras ano como un prezado tesouro.

No acto, o alcalde, Salvador González Solla, ademais de agradecerlles aos escritores e colaboradores a súa implicación, manifestou tamén o seu agradecemento ás empresas colaboradoras con publicidade que, entre todos, contribúen a facer posible que ano tras ano esta publicación saia á luz. Igualmente, o concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández salientou a importancia desta revista como canle de difusión de novas contribucións sobre o Corpus e sobre temas de Ponteareas e comarca que, ano a ano, vén incrementar o número de estudos sobre a historia e Vila do Corpus Christi.