Este xoves, as risas encherán Ponteareas grazas ao Cine na Rúa

O Concello proxectará a película “A todo tren. Destino Asturias” este xoves no Parque Feira Vella

O Cine na Rúa volve a Ponteareas este xoves coa proxección da comedia para todos os públicos e dirixida por Santiago Segura, “A todo tren. Destino Asturias”. Será no Parque Feira Vella ás 22.00 horas. O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, convida ás familias ponteareás a acudir a esta nova xornada dedicada á gran pantalla na que o acceso será, como é habitual, libre e de balde.

“A todo tren. Destino Asturias” é unha comedia para toda a familia na que Ricardo, un pai responsable e propenso aos ataques de ansiedade, vése obrigado a custodiar a 6 nenas e nenos nunha viaxe de ferrocarril ata a comunidade asturiana. Como única ‘axuda’ conta co avó dun dos pequenos que converterá a aventura en algo tan desastroso como el. Unha historia tan divertida como inesquecible que provocará as gargalladas das persoas asistentes á proxección.