Este venres, día 13 de marzo, ás 20:00 horas, o Salón de Sesións do Concello de Ponteareas acollerá o acto institucional de entrega da distinción honorífica de Fillo Adoptivo de Ponteareas, a título póstumo, a don Juan José Pérez Labaca, falecido o 25 de abril de 2014.
A través deste nomeamento, o Concello de Ponteareas quere recoñecer os méritos e a traxectoria de don Juan José Pérez Labaca a prol do concello de Ponteareas durante a súa vida.
Juan José Pérez Labaca, natural de Mondariz, residiu a maior parte da súa vida en Ponteareas, onde desempeñou o seu labor de mestre e onde participou activamente da vida pública, comezando a súa vida política en 1974. Destacou tamén pola súa faceta investigadora e divulgativa, pola súa faceta de historiador, dedicando a maior parte dos seus traballos literarios a ilustrar o pasado de Ponteareas ou Mondariz e publicou numerosos libros. Colaborou asiduamente en distintos medios de comunicación como en Faro de Vigo, Atlántico Diario, A Peneira, Hermes Atenea, etc, así como en revistas de divulgación como Pregón, Soberosum, A Revista Peregrina, Espertares, entre outras. Tivo durante seis anos un programa diario na Cadea Si Radio, titulado “Crenzas de Galicia”, a través do cal difundiu a cultura inmaterial de Galicia. Está en posesión de varios premios periodísticos e literarios. En constante contacto directo coa sociedade, Pérez Labaca foi membro fundador da Orde de San Miguel e da Coral do Centro Artístico Sportivo de Ponteareas.