Este sábado goza dunha xornada de patinaxe libre co programa Mocidade Viva

A actividade vai dirixida a mozos e mozas maiores de 12 anos e será ás 20.30 horas no pavillón do complexo deportivo Álvaro Pino

Este sábado goza dunha xornada de patinaxe libre co programa Mocidade VivaEsta fin de semana mozos e mozas poderán coller os seus patíns e gozar dunha xornada de patinaxe libre. O Concello de Ponteareas organiza ao abeiro do programa Mocidade Viva unha nova actividade “coa que buscamos promover o lecer saudábel e alternativo para rapazas e rapaces maiores de 12 anos”, salienta o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó.

O sábado 25 de marzo a partir das 20.30 horas, mozos e mozas poderán participar nunha nova sesión de patinaxe libre no pavillón municipal do complexo deportivo Álvaro Pino, unha actividade coa que desfrutar deste deporte tanto para aquelas persoas que xa saben patinar como para aquelas que queren comezar a facelo. Por este motivo, e grazas á colaboración dos clubs locais de hóckey e patinaxe, o Concello habilitará un servizo de préstamo de patíns para aqueles mozos e mozas que non dispoñan duns propios. 

Miguel Bouzó anima a toda a rapazada a participar nesta xornada de balde así como en todas as actividades organizadas dentro da programación de Mocidade Viva, “un programa estábel de actividades lúdicas e formativas dirixidas á xente moza na que lles ofrecemos un amplo abano de espazos de lecer e socialización saudábeis, con deporte, cursos e obradoiros deseñados pensando nos seus intereses e partindo das súas propostas”.

Pode solicitarse máis información no 687 764 516.