Este domingo, “Poemas de Outono” para Xela Arias dende a Asociación de Maiores de Ponteareas

Este domingo, véspera do Día das Letras Galegas 2021, as concellarías de Cultura e de Benestar Social do Concello e Ponteareas -que dirixen os nacionalistas Fernando Groba e Verónica Carrera- e a Asociación de Maiores de Ponteareas presentarán o libro colaborativo Poemas de Outono. O acto realizarase na sala multiúsos do auditorio municipal ás 19 h e consistirá nun recital das propias autoras e autores e na actuación das pandeireteiras “Mestura”.

 

Este volume, que naceu a partir dun curso de habilidades básicas en lingua galega que organizou a propia Asociación de Maiores, reúne unha serie de poemas ilustrados que escribiron a persoas que participaron e van acompañados de fotografías que poñen en valor tamén a paisaxe e os elementos patrimoniais de Ponteareas.

 

Ao principio, as creacións publicáronse nas redes sociais da asociación e logo decidiron publicar, coa axuda da Deputación de Pontevedra, un libro onde se recollen máis de medio cento de poemas e outras composicións que se reflicten distintos temas, todos relacionados co outono.

 

As persoas creadoras, de idades comprendidas entre os 52 e os 86 anos, non só pertencen á asociación, senón que tamén participan xentes doutros puntos de Galiza que se sumaron á iniciativa.

 

“Como ficou constatado no mes de abril, o mes do libro por excelencia, Ponteareas é potencia literaria, unha vez que presentamos 5 libros de persoas que viven no noso concello. Agora, dentro das actividades do Día das Letras Galegas, presentamos outro. Agora ben, cómpre indicar que este volume ten un significado moi especial: primeiramente, pola sabedoría ancestral das súas autoras e autores e, en segundo lugar, polo feito de seren persoas, todas elas, que, a pesar de seren galegofalantes dende o berce, nunca tiveron a oportunidade de estudar e mesmo de valorar a súa lingua propia até chegar a este curso que organizou a asociación. Xa que logo, dámoslles os parabéns tanto á directiva do colectivo como a cada unha das persoas que participaron nesta obra colectiva” sinala o edil de Cultura e Lingua e a de Benestar Social e Igualdade.