Este domingo o pavillón municipal Álvaro Pino acolle o Campionato Galego Absoluto de Bádminton

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, convida a gozar do bádminton este domingo 6 de decembro a través da rede social facebook do Club Bádminton Ponteareas. En riguroso directo retransmitiránse numerosos partidos do XLI Campionato Galego Absoluto de Bádminton . Preto de cincuenta deportistas das catro provincias de Galicia achegaránse ao pavillón municipal Álvaro Pino para desputar esta proba que se celebrará a porta pechada e sen público na grada.

O club facilitará que todas e todos gocemos do xogo destes/as deportistas, entre os que se atopan varios campións/oas de España e do ránking europeo, retransmitindo a través da súa rede social de facebook moitos dos encontros dende ás 10 ás 17 horas.

Organizado pola Federación Galega de Bádminton e polo Club Bádminton Ponteareas en colaboración co Concello, desputarase nas categorías individual masculina e feminina e de dobles masculinos, femininos e mixtos.

O club quere agradecer o apoio de Protección Civil, Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Frutas Santi, Deportes Carlos Miguel, Bizebike e Repuestos Ojea.

Ao remate entregaranse os trofeos e medallas.

O concelleiro Miguel Bouzó anima a todas as familias a seguir dende os seus fogares o campionato e amosar o seu apoio a todas estes e estas deportistas.