Entra en vigor a redución de velocidade na Avenida de Castelao a 30 km/h

A mobilidade peonil nesta avenida mellorouse nos últimos meses coa retirada nas beirarrúas de terrazas e de postes de media tensión e a creación de cinco pasos de peóns que deron continuidade ás beirarrúas

A concellaría de Mobilidade e Tráfico informa da entrada en vigor da redución da velocidade máxima de circulacion na Avenida de Castelao a 30 km/h. A medida, autorizada pola Xunta de Galicia que é titular do vial, persegue mellorar a seguridade vial e reducir a contaminación e adiántase á previsión anunciada pola Dirección Xeral de Tráfico de reducir por lei a velocidade máxima en vías urbanas a 30 km/h como máximo.

 

Esta medida complementa a adoptada xa no mes de maio consistente en reducir a velocidade no resto das vías urbanas de titularidade municipal a 20 km/h dando as mesmas carácter residencial e, polo tanto, prioridade peonil en calquera punto da calzada.

 

Esta redución de velocidade para incrementar a seguridade vial e, especialmente, das persoas que camiñan ou circulan en bicicleta, engádese a outras actuacións de mellora da mobilidade peonil e da seguridade realizadas nesta avenida nos últimos meses. Por unha banda retiráronse das beirarrúas cinco terrazas de hostalaría que se reubicaron en zonas de estacionamento, asemade procedeuse á retirada de tres postes de media tensión en desuso desde hai anos que se atopaban no medio das beirarrúas e pintáronse cinco pasos de peóns para dar continuidade aos itinerarios peonís das beirarrúas (nos cruces coas rúas San Roque, Perillana, acceso ao Santiago Apostol, Ramiro Sabell e a carón do parque infantil da Avenida de Castelao).